Presentación
ORBALLO CULTURAL é un evento que celebra a riqueza musical, gastronómica e artesanal de Galicia en distintos puntos da súa xeografía. Máis ca un festival, é un encontro cultural deseñado para conectar os asistentes coas tradicións galegas a través
da música en directo, a gastronomía autóctona e a artesanía local.
En cada edición, artistas de renome do panorama musical galego soben ao escenario, mentres o público goza da mellor cociña tradicional e descobre o talento dos artesáns. É un evento cunha grande acollida tanto entre os residentes como entre os visitantes estranxeiros que desexan mergullarse na cultura de Galicia durante as súas vacacións.
Orballo Cultural non só ofrece entretemento, senón que tamén actúa como un motor de dinamización cultural para os concellos, promovendo encontros que reforzan a identidade e o patrimonio galego. Celébrase ao longo do ano en todas as provincias de
Galicia, con especial protagonismo na primavera e o verán, xa que o seu formato ao aire libre permite gozar ao máximo da contorna natural.
É un evento aberto a todos os públicos: familias, mozos/as e adultos atopan en Orballo Cultural unha experiencia única onde a música e a tradición se dan a man nun ambiente festivo e acolledor.
XESTORA CULTURAL
Somos unha xestora cultural dedicada a promover
eventos dende unha perspectiva holística, dirixindo e
executando cada unha das fases que supón a realización
dun proxecto.
Como promotora e xestora de eventos galega,
encántanos desenvolver proxectos na nosa comunidade
e, por iso, queremos achegar o noso granciño de area á
cultura e á calidade do produto da nosa terra, facendo o
que mellor sabemos facer: o deseño e a xestión de
programas culturais.
AS NOSAS METAS
• Potenciar a cultura do noso territorio, achegando un novo
concepto que a enriqueza cualitativamente.
• Promover o territorio de forma global e consciente,
visibilizando o noso patrimonio a través de experiencias
culturais.
• Crear unha rede de sinerxías con entes de diversos
sectores, reactivando a economía local.
CONCEPTO
Como a choiva estival -pequena pero intensa- Orballo Cultural é
un programa que conta cunha gran cantidade de eventos en
pequeno formato.
Con el procúrase redescubrir e reactivar a cultura e o patrimonio
do noso territorio, tendo como protagonistas principais aos
diferentes entes que nel conviven.
Entendemos o ciclo como un proceso de retroalimentación, no que
tanto a singularidade dos espazos como as/os artistas se engaden
valor mutuamente. Sen esquecernos, por suposto, que potenciar
a etnoloxía galega dun xeito consciente a través da cultura é
crucial para manter a esencia de Galicia.
Contaremos con un amplo catálogo de artistas, onde os talentos
locais emerxentes e contrastados, convivirán con artistas
nacionais e internacionais. Mencionamos primeiramente os
artistas galegos, pois Orballo Cultural pretende ser un grande
escaparate para todas e todos eles. Estarán repartidos en máis de
50 ubicacións e os estilos serán diversos e estarán en sintonía coa
correspondente paisaxe.
MÚSICA, GASTRONOMÍA, PINTURA e ARTESANÍA serán as
áreas que protagonicen o ecosistema cultural creado en cada
localización.
Nos días previos a cada evento mercaranse produtos culinarios no
comercio de proximidade para realizar un showcooking a cargo de
diferentes chefs da zona.
As actuacións musicais serán o prato forte dos eventos, contando
cun gran número de artistas de diferentes xéneros, como o blues,
o folk, o rock ou a música de vangarda.
En cada recinto contaremos cun posto que recolla o traballo de
artesáns locais para a súa venda. Coa finalidade de potenciar a
súa visibilización, cabe a posibilidade de vestir aos músicos/as con
algunha destas pezas únicas.

